Saturday 27 de April de 2024

A Xunta licita por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente


O contrato ten como obxectivo garantir un servizo axeitado aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e a parte de Cruído

A previsión é iniciar as obras este mesmo ano para que o saneamento e a nova depuradora estean rematados a finais de 2025

A Xunta licitou por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do Concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, para informar deste novo paso administrativo para levar o servizo de saneamento e depuración de augas residuais a varios núcleos da parroquia de San Xoán de Lousame, que na actualidade non contan cun sistema de depuración axeitado.

En concreto, hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación das obras para dotar de saneamento axeitado e eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e tamén parte do núcleo de Cruído. As empresas interesadas na execución deste proxecto teñen de prazo ata o 11 de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de aí, continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo a actuación, que ten un prazo de execución de 9 meses.

O obxectivo é poder iniciar as obras este mesmo ano para a súa execución durante o vindeiro e que o saneamento nestes núcleos de Lousame e a nova depuradora estean rematados a finais de 2025. Para resolver a situación actual e garantir un sistema de saneamento eficiente aos veciños dos 5 núcleos e tamén a parte da veciñanza do núcleo de Cruído, as obras que hoxe se licitan permitirán executar unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos.

Equipamento

Esas augas serán conducidas a unha nova depuradora, que se vai executar xunto ao rego Pesqueira, na zona de Roucheira, na parcela que propuxo o Concello. Concretamente, proxéctanse 3 colectores de saneamento, cunha lonxitude que supera os 1,2 km; ademais dunha impulsión no núcleo de Costa, de preto de 400 metros de lonxitude. Un dos colectores construirase na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Cruído; e outro na zona do campo de fútbol da Silva para chegar ata a nova depuradora prevista. O terceiro colector parte da rede existente de Costa e chega ao novo pozo de bombeo deste núcleo, que recollerá as augas residuais de 3 deses núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector para logo levalas á nova depuradora.

A nova depuradora estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada. Estas actuacións, a rede de colectores, o pozo de bombeo e a nova estación depuradora permitirán tratar as augas de preto de 400 habitantes equivalentes destes núcleos de poboación de Lousame.

Esta intervención é froito da colaboración asinada no pasado mes de maio, por importe de 1,1 M€ entre a Xunta e o Concello de Lousame. Deste xeito, o convenio de colaboración recolle como obrigas da administración autonómica contratar e executar as obras, financiándoas cunha achega do 80%, con máis de 887.000 €; e como obrigas do Concello, achegar o 20% restante, ademais de realizar os trámites administrativos e de poñer á disposición os terreos para a realización das obras. Estas obras están cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Mellora medioambiental

Teresa Villaverde, que estivo acompañada polo concelleiro de Obras Públicas, Ramón Martínez, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia que “permitirá prestar este servizo a edificios, tanto públicos como privados, e en especial a instalacións como o colexio, con máis de trescentos nenos e nenas, ou as numerosas persoas que fan uso do polideportivo ou da piscina. Agora esas augas van a depuradoras moi pequenas e a posta en marcha desta nova rede suporá unha mellora medioambiental e incluso patrimonial, pois nos permitirá retirar unha desas pequenas depuradoras que agora está moi preto dun lavadoiro”.

Con estas actuación, algo máis do 80% da poboación de Lousame terá acceso ao servizo de saneamento municipal. Villaverde Pais salientou a importancia do avance rexistrado hoxe coa saída a licitación do proxecto porque a xestión de proxectos deste nivel “tardan tanto tempo que é importante informar sobre os distintos pasos que se van dando, que as cousas non están paradas, pero simplemente a expropiación dos terreos levou o seu tempo”.